Un proxecto de puntogal

Internet ten que entender o mundo tal e como é
Non todas as persoas escriben igual. Non todas as linguas usan o mesmo alfabeto. E non todos os dominios nin todos os correos teñen o formato que moitos sistemas aínda dan por feito.

Internet cambiou

O teu dominio tamén conta

Internet cambiou. Os dominios xa non son todos curtos, nin todos en inglés, nin todos escritos cos mesmos caracteres. E iso é unha boa noticia: a rede parécese cada vez máis ao mundo real. O problema é que moitos sistemas seguen funcionando con regras vellas.

A Aceptación Universal (UA) significa que un dominio ou un correo electrónico válido debe funcionar ben en calquera web, app ou servizo dixital. Sen importar a lingua, a escritura ou a lonxitude. Se é válido, debe ser aceptado.

Isto inclúe dominios novos, dominios longos, dominios internacionalizados e tamén correos electrónicos con caracteres doutras linguas. En resumo: tecnoloxía que entende mellor como se identifica a xente hoxe na rede, coa súa cultura e orixe.

A Aceptación Universal non engade complexidade. Corrixe unha limitación. E fai que Internet se comporte como debería desde o principio.

Evitemos as barreiras

Internet si ten cancelas…

Ás veces unha persoa escribe ben o seu correo. Ou introduce un dominio correcto. E, aínda así, a pantalla responde: “non válido”. Non porque o dato estea mal, senón porque o sistema foi construído con supostos antigos: listas pechadas de dominios, validacións demasiado ríxidas, formularios que non recoñecen certos caracteres ou aplicacións que non saben presentar ben a información.

A UA axuda precisamente a revisar eses puntos débiles. Primeiro aceptar. Logo validar. Despois procesar, almacenar e presentar ben os datos. Se un sistema falla nun destes pasos, a experiencia rompe.

E cando rompe, quen o sofre non ve un problema técnico. Ve unha barreira.

Os beneficios da Aceptación Universal

Facelo ben nótase

Un sistema adaptado á UA
Cando un sistema está preparado para Aceptación Universal, todo é máis simple. Menos erros. Menos incidencias. Menos rexistros perdidos. Mellor atención ás persoas usuarias. E máis capacidade para traballar cunha rede que xa é diversa, global e cambiante.
Medre e evolución
As organizacións e empresas necesitan asegurar que os seus sistemas e servizos funcionen nun espazo de nomes de dominio que segue medrando e evolucionando. Non é unha mellora técnica, é unha decisión con impacto económico. 
Impacto económico
Segundo un estudo encargado polo Universal Acceptance Steering Group (grupo de traballo sobre UA impulsado por ICANN), a Aceptación Universal podería xerar arredor de 9,8 mil millóns de dólares anuais en beneficios, xa no primeiro ano de implementación, nunha estimación conservadora.

O futuro da web universal empeza aquí

A boa noticia é que mellorar isto é posible. Nesta web atoparás guías, materiais técnicos, formación e marcos de avaliación pensados precisamente para axudar a revisar aplicacións, webs, sistemas de correo e servizos dixitais. Revisa as achegas, a documentación, as ferramentas ou contáctanos para compartir as túas necesidades e que poidamos axudarche a seguir formando parte dunha web universal.