Que é a Aceptación Universal?
Que é a UA? Que fai PuntoGal para promovela?
A Aceptación Universal (UA, polas súas siglas en inglés, Universal Acceptance) é un principio fundamental para garantir que Internet sexa verdadeiramente aberta e inclusiva. Consiste en asegurar que todos os nomes de dominio e enderezos de correo electrónico válidos sexan recoñecidos, aceptados e procesados correctamente por aplicacións, páxinas web e sistemas informáticos, independentemente da súa extensión ou dos caracteres que empreguen.
Por que é necesaria?
Historicamente, moitos programas e formularios foron deseñados pensando só en nomes e dominios tradicionais como .com, .net ou .org. Porén, coa aparición de novos dominios de nivel superior, como .gal, e de dominios internacionalizados que permiten o uso de caracteres propios de diferentes linguas, xurdiu a necesidade de adaptar os sistemas para que acepten esta diversidade.
Cando un servizo non recoñece un dominio válido por ser diferente dos máis coñecidos, está a producirse un problema de aceptación universal. Todos lembramos formularios que non aceptan acentos, ñ, números de teléfono, ou que mesmo limitan a lonxitude dos nomes de persona.
O papel de ICANN na promoción da UA
A nivel internacional, ICANN (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers) desempeña un papel fundamental na promoción da Aceptación Universal, fomentando a adopción de estándares e boas prácticas que garanten que todos os nomes de dominio e enderezos de correo electrónico válidos sexan recoñecidos polos sistemas e aplicacións de Internet.
Ademais de elaborar guías técnicas e materiais formativos, ICANN colabora con gobernos, empresas, universidades e entidades xestoras de dominios para sensibilizar sobre a importancia da UA e impulsar a adaptación das infraestruturas dixitais a unha Internet cada vez máis diversa e multilingüe.

A súa importancia
Máis ca unha cuestión técnica
Por isto a importancia da UA vai máis alá dun aspecto técnico. Trátase dunha cuestión de inclusión dixital, xa que permite que persoas, empresas e organizacións poidan utilizar a súa identidade lingüística e cultural en Internet sen atopar barreiras tecnolóxicas. Ademais, favorece a innovación e a competencia ao garantir que todos os dominios teñan as mesmas oportunidades de uso.
O compromiso de PuntoGal coa Aceptación Universal
Neste ámbito, PuntoGal desempeña un papel destacado en Galicia.
Como entidade responsable da xestión do dominio .gal, traballa activamente para promover a aceptación universal entre empresas, administracións públicas, desenvolvedores e provedores de servizos dixitais.
O seu obxectivo é os nomes, correos e dominios de todo o mundo funcionen correctamente en todas as plataformas e aplicacións que funcionan ou se desenvolven en Galicia. Ademáis, participa en iniciativas internacionais de sensibilización, organiza actividades formativas e colabora con entidades tecnolóxicas para identificar e corrixir problemas de compatibilidade.
UA Day 2024: Universidade de Vigo
O compromiso de PuntoGal coa Aceptación Universal vai máis aló da divulgación teórica. En colaboración con ICANN, PuntoGal promoveu en abril de 2024 unha xornada específica na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, integrada no programa mundial do UA Day, que reúne actividades en decenas de países para sensibilizar sobre a necesidade dunha Internet accesible para todas as linguas e sistemas de escritura.
O encontro reuniu representantes de ICANN, profesorado universitario e profesionais das telecomunicacións para analizar tanto os aspectos técnicos como as implicacións sociais da UA, incidindo na importancia de que os nomes de dominio e os correos electrónicos poidan utilizarse sen restricións derivadas da lingua ou do alfabeto empregado.
UA Day 2025: Universidade da Coruña
A actividade de PuntoGal continuou en 2025 coa organización, xunto con ICANN e diversas entidades profesionais e académicas galegas, dunha nova xornada con motivo do Día Mundial da Aceptación Universal. Celebrada neste caso na Universidade da Coruña, a sesión puxo o foco no multilingüismo como ferramenta para a inclusión dixital e contou coa participación de especialistas internacionais en nomes de dominio internacionalizados e aceptación universal.
Formación e sensibilización continua
Ademais destes eventos, PuntoGal colabora activamente nas campañas de sensibilización impulsadas por ICANN, promovendo a formación, a creación de coñecemento técnico e a concienciación entre desenvolvedores, empresas e institucións para que os seus servizos sexan compatibles con dominios e enderezos de correo en calquera lingua.
Deste xeito, contribúe a que Galicia se sitúe entre os territorios máis comprometidos coa construción dunha Internet verdadeiramente diversa e inclusiva.

Esta web: un proxecto colaborativo
É neste traballo no que se inclúe esta web, que é froito das aportacións de diversos sectores da produción de software, videoxogos, e servizos lingüísticos e culturais de Galicia, que participaron aportando a súa valiosa visión desde cada un dos sectores e mesmo comprobando, en moitos casos, a validez dos materiais que se poden consultar nela.



