PuntoGal sempre quixo ir máis aló de ser un rexistro de dominios. Non é que a tarefa de construír un paraugas da comunidade galega na rede sexa menor, que non o é. Pero no noso ADN figura, en lugar destacado, constituirnos nun actor relevante neste ámbito, nun dinamizador de proxectos. Así o demostra o noso labor desde os inicios, o ronsel de iniciativas que contan coa colaboración do dominio ou que este puxo en marcha. Unha delas é a difusión do concepto de Aceptación Universal, que PuntoGal está a introducir en Galicia ano tras ano, coa celebración de eventos de concienciación no ámbito universitario e que, desde agora, conta cunha cunha web específica.

Este proxecto, no que PuntoGal colabora directamente coa entidade que regula a rede a nivel global, a ICANN, e coa asociación dos dominios lingüísticos e culturais, o Geotld Group, liga directamente coa filosofía do dominio: unha rede aberta, inclusiva, multilingüe, que defenda os dereitos dixitais da cidadanía. A UA é, simplemente, permitir que as persoas poidan usar a súa lingua nos sistemas informáticos sen sufrir atrancos ou problemas derivados do uso de determinadas grafías ou símbolos. Todos os alfabetos deben ter as mesmas oportunidades. Isto, que pode parecer evidente, non o é tanto, nin funciona así en todos os ámbitos, aínda hoxe en día.
Á nosa aportación a esta tarefa de concienciación súmase unha web que inclúe múltiples recursos didácticos sobre a UA, documentos e estudos en profundidade, ferramentas para cada un dos sectores e listas de comprobación que calquera pode aplicar para verificar que o seu sistema cumpre co estándar.
PuntoGal quere darlle as grazas a todas as entidades que colaboran nesta iniciativa, empezando pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e seguindo por todas aquelas outras que asistiron ás reunións previas ou que axudaron a validar os materiais que aquí publicamos.
Anímovos a usar esta páxina como unha ferramenta viva, onde resolver dúbidas sobre a UA, ampliar o voso coñecemento sobre esta importante materia ou, simplemente, curiosear sobre o concepto. PuntoGal seguirá traballando nesta cuestión, achegando máis contidos e propoñendo novas actividades arredor da Aceptación Universal. Porque é preciso que todas as linguas e os seus falantes, non só as maioritarias, teñan o seu lugar en internet.
Darío Janeiro é o Director Xeral de PuntoGal.



