A UA como fonte de inclusión, por Manuel González González

Debemos aspirar a que ningunha comunidade, lingua, alfabeto se vexa excluído no ciberespazo e para iso naceu a UA.
Fotografía en branco e negro de Manuel González González

No ano 2006 constituíuse a asociación PuntoGal para conseguir un dominio lingüístico e cultural para o galego, e deu este paso porque estabamos convencidos de que todas as linguas e todas culturas teñen dereito a ter visibilidade plena nese conxunto de redes interconectades que é Internet, a innovación tecnolóxica máis impactante da historia da humanidade que en poucos anos cambiou radicalmente a nosa maneira de comunicarnos, de traballar ou de acceder ao coñecemento.

Pero non podemos pechar os ollos ante a realidade de que existen culturas, linguas, países e sectores desfavorecidos que aínda hoxe contan cunha baixa penetración de Internet, o que repercute en que teñan menores oportunidades de coñecemento, de comunicación e de transmisión de cultura. E esta fenda dixital tamén estaba en certo modo presente ata hai pouco nos nomes de dominios, que estaban restrinxidos non só a un número determinado de caracteres, senón tamén a determinados idiomas e a determinados alfabetos.

Debemos aspirar a que ningunha comunidade, ningunha lingua, ningún alfabeto se vexa excluído no ciberespazo, tampouco no sistema de nomes de dominio. E para iso naceu a UA, a “Aceptación Universal”, para garantir a inclusión dixital. Con este fin a  ICANN e o UASG (Grupo Directivo sobre Aceptación Universal) traballan con comunidades técnicas e lingüísticas de todo o mundo para introducir os IDN (Nomes de Dominio Internacionalizados), o estándar aberto actualizado para os DNS, que permite a utilización de nomes de dominio e de enderezos de correo electrónico en idiomas e alfabetos como o árabe, armenio, bengalí, chinés, cirílico ou xaponés, pero tamén devanagari, etíope, xeorxiano, tailandés, grego, khmer, coreano, laosiano e moitos outros. Un avance democrático, sen dúbida, que favorece a inclusión e facilita que as comunidades, gobernos, empresas e usuarios en xeral fagan uso da súa lingua e do seu propio alfabeto

Todo proceso de avance e de crecemento presenta problemas de adaptación á nova situación, e hai que facer un esforzo para informar a desenvolvedores de software e demais implicados de que para que todos os nomes de dominio e enderezos de correo electrónico válidos sexan recoñecidos, sen importar o idioma, o alfabeto ou a extensión, é necesario actualizar moitos dos programas e aplicacións xa existentes. É a pequena gabela que hai que pagar para aceptar os máis de 1500 TLD existentes na actualidade, incluíndo os de máis de tres caracteres e os IDN, que reflicten a diversidade lingüística e cultural do mundo dixital.

PuntoGal, comprometida desde os seus inicios coa inclusión, a democratización e o acceso universal a Internet de todas as linguas, de todos os alfabetos e de todas as culturas tiña que colaborar necesariamente na tarefa de involucrar e mobilizar as comunidades técnicas e lingüísticas, as empresas, as universidades,  os organismos públicos e todos os sectores interesados na industria do DNS para que comprendan os beneficios da Aceptación Universal e como preparar os seus sistemas para esta nova realidade. 

Manuel González González é presidente de PuntoGal.