Actualidade

A ICANN fixa novas directrices para impulsar unha Internet máis inclusiva a través da UA

O organismo internacional publica unha guía para facilitar que aplicacións, sistemas e servizos recoñezan correctamente todos os dominios e enderezos de correo válidos, independentemente do idioma ou da extensión
Módulo de tarxeta de rede inalámbrica Intel, en branco e negro

O organismo internacional publica unha guía para facilitar que aplicacións, sistemas e servizos recoñezan correctamente todos os dominios e enderezos de correo válidos, independentemente do idioma ou da extensión

A Coruña, 11 de setembro de 2026 · A Corporación da Internet para a Asignación de Nomes e Números (ICANN) vén de publicar unhas novas directrices para avanzar na adopción da Aceptación Universal (UA), un documento que pretende acelerar a adaptación dos sistemas e servizos dixitais para garantir que todos os nomes de dominio e enderezos de correo electrónico válidos funcionen correctamente, con independencia do idioma, o sistema de escritura ou a lonxitude do dominio.

As novas directrices foron elaboradas polo Grupo de Traballo de Expertos en Aceptación Universal, creado pola ICANN en 2025 para contribuír a definir unha folla de ruta que permita avanzar na implantación efectiva da UA. O documento recolle recomendacións para diferentes sectores implicados no funcionamento de Internet e identifica áreas prioritarias como a sensibilización, a formación, a implementación técnica e a colaboración entre os distintos axentes.

A Aceptación Universal resulta especialmente relevante para avanzar cara a unha Internet máis multilingüe, accesible e inclusiva. Na práctica, aínda existen aplicacións, formularios, sistemas de correo ou plataformas que presentan problemas ao traballar con determinados dominios ou enderezos electrónicos, especialmente cando incorporan caracteres propios de linguas diferentes do inglés, utilizan novas extensións ou teñen unha lonxitude non prevista polos deseñadores. 

PuntoGal, referente galego na promoción da UA

En Galicia, PuntoGal está a impulsar activamente a adopción da Aceptación Universal. En xuño deste ano presentou ua.gal, un espazo que reúne recursos, ferramentas e recomendacións específicas para facilitar que diferentes organizacións comproben e melloren a compatibilidade dos seus sistemas coa UA.

A plataforma incorpora contidos dirixidos, entre outros, a administracións públicas, centros educativos, empresas tecnolóxicas, software libre, videoxogos, asociacións, cultura dixital, comunicación e comercio electrónico.

Esta iniciativa dá continuidade ao traballo desenvolvido por PuntoGal nos últimos anos, con xornadas e encontros técnicos en colaboración coa ICANN, o COETG e o GeoTLD Group, así como actividades de divulgación e formación para trasladar a importancia da Aceptación Universal ao tecido dixital galego.